Xoves, Xuño 22, 2017
Membros do grupo de traballo de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA asisten a unha práctica forestal no Corgo
O Corgo (Lugo), 22 de xuño de 2017.- Hoxe tivo lugar unha visita a monte para asistir a unha práctica con procesadora, autocargador e motoserra, e recabar material gráfico para ilustrar as fichas da publicación sobre árbores apoiadas e de árbores sentadas que está a elaborar este grupo de traballo.
Neste documento se indican recomendación xerais e específicas para a correcta realización destes traballos e se lembran os aspectos máis importantes que se deben ter en conta nestas actividades.
Esta acción encádrase dentro das actuacións programadas para a elaboración de diversos documentos que permitan mellorar as condicións laborais dos traballadores deste sector.
Moitos accidentes laborais poden ser evitados se se toman as medidas preventivas oportunas, pero tamén se se invisten esforzos na información, formación e capacitación dos traballadores.
Os plans de actividades do ISSGA dos últimos anos prestan unha especial atención ás distintas actividades económicas do sector primario galego, entre as cales se atopan a actividade forestal e agrogandeira. Deste xeito, resaltamos o programa de redución de accidentes no sector forestal, cuxo fin é reducir a sinistralidade neste ámbito así como a creación dun grupo de traballo no sector forestal e a elaboración de diverso material formativo e informativo dirixido aos traballadores e traballadoras do sector primario, con distintos formatos: guías de boas prácticas, trípticos, carteis, fichas divulgativas ou mesmo vídeos, que se unen ás múltiples actividades formativas realizadas e que se poden consultar na web do Issga.