Novas

Xoves, Outubro 22, 2009

Medio centenar de alumnos de Formación Profesional prepáranse en prevención de riscos en traballos con pantallas de visualización de datos

Arredor de 50 alumnos do primeiro e segundo ciclo de Informática do Instituto San Clemente, de Santiago, asistiron hoxe á xornada de divulgación de prevención de riscos laborais en traballos con pantallas de visualización de datos, que celebrou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) no seu centro de Pontevedra, situado en Rande (Redondela).

Nas últimas décadas, os riscos e danos á saúde derivados do uso de ordenadores ou pantallas de visualización de datos teñen sido obxecto de múltiples investigacións, que recoñecen que unha proporción moi importante das patoloxías laborais están relacionadas con este problema. Por iso, a vixilancia da saúde debe ter en conta os riscos de fatiga visual, a carga física, o risco psicosocial e os factores ambientais.

Con respecto ao primeiro punto, o técnico do centro Francisco Torres, que impartiu a xornada, sinalou que o desenvolvemento deste tipo de traballos pode ter como consecuencia cefaleas, visión borrosa, molestias oculares ou mala focalización, entre outros.

Así mesmo, a tensión muscular, os movementos repetitivos e as malas posturas poden derivar en trastornos musculoesqueléticos. Para evitalos, é recomendable sentarse en ángulo recto. Os problemas en ombros e brazos gardan unha estreita relación coa posición e coa altura do teclado, polo que é moi importante que a distancia sexa a axeitada para a comodidade e a eficiencia do usuario.

Finalmente, entran en xogo outros riscos relacionados coa fatiga mental ou psicolóxica, debida a un esforzo mental ou intelectual excesivo, o que pode derivar en trastornos neurovexetativos e alteracións psicosomáticas (cefaleas, palpitacións...), perturbacións psíquicas, como ansiedade ou estados depresivos, ou en trastornos do sono.

A todo isto hai que engadir os factores ambientais aos que se poden ver expostos estes traballadores, como o exceso de ruído, as malas condicións térmicas e as deficiencias na iluminación.

Os empresarios deberán poñer en marcha as medidas necesarias para eliminar ou atenuar os riscos inherentes á utilización de equipos con pantallas de visualización de datos. A avaliación de riscos deberá realizarse tendo en conta as características do posto do traballo e as esixencias da tarefa que se debe efectuar, incidindo especialmente no tempo promedio de utilización diaria do equipo, o tempo máximo de atención continua á pantalla e o grao de atención que requira o labor. A alternancia dunhas actividades con outras e as pausas ou descansos dos traballadores son medidas recomendables.

Ademais, os empresarios deberán proporcionar aos seus empregados formación e información suficiente sobre o uso dos equipos, os riscos existentes e as medidas a adoptar para evitalos.

Esta xornada enmárcase dentro do que é un dos obxectivos primordiais do ISSGA: a formación dos futuros traballadores en prevención de riscos laborais, coa fin de que vaian adquirindo unha actitude positiva cara a mesma e de contribuír, con iso, á implantación dunha verdadeira cultura da prevención.

Tralo seminario, os alumnos do instituto compostelán realizaron unha visita guiada polas instalacións do centro.