Venres, Novembro 08, 2013
Mato destaca que a pesca segue a ser un sector preferente nas accións do ISSGA en materia de seguridade e saúde laboral
A Coruña, 7 de novembro de 2013.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na clausura do primeiro congreso de ‘Sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro’, onde fixo fincapé na importancia deste sector en Galicia, en tanto xera 40.000 empregos directos na comunidade autónoma, o que supón ao redor do 50 por cento dos postos de traballo da pesca e a acuicultura en toda España.
Ao respecto, lembrou que o sector da pesca segue a ser preferente en todas as accións que desenvolve o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Este feito está recollido tanto no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais como nos Plans de Actividades anuais do ISSGA.
Mato sinalou que o obxectivo do Goberno galego é reducir “ao máximo” as cifras de sinistralidade laboral e, por iso, desde a Consellería de Traballo e Benestar estanse a reforzar as actuacións dirixidas a mellorar a calidade de vida dos traballadores deste sector a través da seguridade e saúde laboral.
Neste senso, a titular de Traballo apuntou que a colaboración de todos os axentes implicados na seguridade e saúde laboral dos traballadores está a acadar un descenso da sinistralidade en Galicia. “Tamén na pesca estamos conseguindo reducir os accidentes laborais”, detallou. En 2012 os accidentes laborais no sector da pesca descenderon en preto dun 5 por cento.
Ademais, destacou que o departamento está a apostar pola formación como un dos eixos da profesionalización deste sector, porque garante un desempeño “máis seguro e produtivo”. Así, lembrou que este ano a Consellería financiou 38 cursos de formación para 600 alumnos do sector marítimo-pesqueiro, nos que se investiron 350.000 euros. E a isto hai que sumarlle os case 250 certificados de profesionalidade entregados a redeiras nos últimos dous anos.
Por outra banda, Mato fixo tamén fincapé no RIS3, unha estratexia de innovación e especialización intelixente, financiada con fondos europeos, que “vai ser esencial para o futuro de Galicia”. O seu obxectivo é identificar as oportunidades de desenvolvemento e crecemento sostible desta comunidade autónoma, a partir da especialización, a tecnoloxía e o coñecemento. E, en Galicia, esta estratexia ten ao mar como un dos seus “eixos esenciais”, subliñou, a través de actuacións como a posta en valor dos recursos do mar para obter biocombustibles, fármacos ou cosméticos; ou para a consecución de explotacións pesqueiras e agropecuarias máis eficientes e innovadoras.
Xa por último, a conselleira apuntou que o mar é unha das bases económica e social de Galicia e, por iso, apostou por tentar atopar “un equilibrio xusto” entre a protección do contorno e a sustentabilidade dos postos de traballo e da industria pesqueira.