Venres, Abril 25, 2014
Mato aposta por realizar un labor continuo na prevención de riscos laborais con motivo do Día Mundial da Seguridade no Traballo
- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na inauguración dunha xornada técnica en materia de prevención
- O próximo luns, 28 de abril, celébrase o Día Mundial da seguridade e saúde no traballo, unha efeméride que ten como obxectivo concienciar á sociedade
- Este ano a conmemoración céntrase no uso dos produtos químicos no lugar de traballo, un eido no que xa está a traballar o Goberno galego
- Mato destacou que unhas empresas “máis seguras e saudables”, ademais de ser máis rendibles, proporcionan un “maior benestar” á sociedade
A Coruña, 25 de abril de 2014.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu hoxe que a prevención dos riscos laborais debe ser un “labor continuo, que é preciso realizar día tras día e entre todos”. Así o salientou hoxe durante a súa participación na inauguración dunha xornada técnica organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) na Coruña.
Mato fixo especial fincapé na necesidade de continuar avanzando neste eido, “moi especialmente” nunhas datas como estas, xa que o próximo luns, 28 de abril, conmemórase o Día mundial da seguridade e saúde no traballo. Esta efeméride, á que a Xunta tense adherido a través da Declaración institucional aprobada onte no Consello da Xunta, ten como obxectivo concienciar ao conxunto da sociedade. “A prevención, por suposto, debe ser impulsada desde os poderes públicos como, de feito, se fai desde o ISSGA. Pero tamén é imprescindible contar coa implicación das empresas, dos axentes sociais, e dos propios traballadores”, considerou.
Este ano a Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como tema principal desta data o uso dos produtos químicos do traballo. A conselleira explicou que “o uso dos produtos químicos é común en moitos sectores produtivos, polo que resulta fundamental seguir unhas directrices para evitar calquera repercusión negativa na saúde dos traballadores e no medioambiente”.
Por esta mesma razón, o ISSGA xa leva tempo traballando neste ámbito, e ten posto en marcha un “ambicioso proxecto” na materia, que ten como eixo o Mapa de risco químico no sector industrial, que estará listo no mes de xuño. Nesta iniciativa, colaboraron 180 empresas da comunidade autónoma, mentres que os técnicos deste organismo revisaron preto de 6.000 fichas de seguridades dos produtos empregados nestes centros de traballo, o que permitiu elaborar un informe individualizado de cada unha destas empresas.
O ISSGA non só traballa neste aspecto, senón que tamén ten iniciativas noutras áreas da prevención de riscos laborais: na pesca, que é un sector de actuación preferente; nas fábricas de conservas; na elaboración dunha guía ergonómica para traballadores de supermercados; na prevención de enfermidades no caso dos profesionais que traballan coa lousa e o granito; ou no Plan de actuación no sector forestal.
Todos estes esforzos realízanse co convencemento de que “unhas empresas máis seguras e saudables, ademais de ser máis rendibles, proporcionan un maior benestar na sociedade”. Así, a prevención de riscos “repercute directamente” na calidade de vida dos traballadores, pero ao tempo permite mellorar a eficiencia e a rendibilidade das empresas, a través de factores como a redución dos accidentes, o aumento da produtividade ou a satisfacción dos traballadores.