Venres, Agosto 20, 2010
MAPA DE RISCO QUÍMICO DE GALICIA
O ISSGA pon en marcha un proxecto co que pretende elaborar un Mapa de Risco Químico na nosa comunidade autónoma. Este proxecto recollerá datos sobre o uso de produtos químicos perigosos nas empresas galegas co fin de facer un diagnóstico da situación que nos permita exercer o noso labor cun mellor coñecemento da situación, asesorando e prestando a asistencia técnica que precisen as empresas para que o traballo cos produtos químicos non poña en perigo a saúde dos traballadores.
No enlace sobre risco químico que dende hoxe figura na nosa web poderá atopar información sobre este proxecto. As empresas seleccionadas nunha primeira fase comezarán a recibir a información o vindeiro mes de setembro; solicitarémoslle que cubran un cuestionario que deberán remitirnos para poder ir compilando e procesando toda a información.
Neste enlace tamén atopará diferente material informativo elaborado polo ISSGA (folletos, pósteres e documentos) relativo á nova etiqueta dos produtos químicos perigosos que comezará a ser obrigatoria para as substancias puras o vindeiro 1 de decembro de 2010.