Novas

Luns, Marzo 10, 2025

Manuel Pardo destaca o traballo da Xunta a prol da prevención, autoprotección e resposta ante situacións de emerxencias

Presentación Previsel
  • O delegado territorial da Xunta sinalou que Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos

  • Manuel Pardo indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar

  • Unha das novidades desta edición será a participación de centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º en emerxencias sanitarias

  • O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas

  • O representante do Goberno galego lembrou que Galicia conta desde 2012 co Rexistro de Plans de Autoprotección do que forman parte máis de 2.500 plans

Ourense, 10 de marzo de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe, na presentación en Ourense do 18º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia (Previsel), o traballo levado a cabo desde a Xunta no que se refire ao desenvolvemento da planificación das respostas ante situacións de emerxencias, o fomento da autoprotección e a dotación de medios de intervención aos servizos de emerxencias; así como o labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en materia de prevención de riscos laborais, que participa como membro do Comité Asesor, aportando iniciativas e relatores en distintas actividades e como expositor.

O delegado territorial sinalou que Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos. Manuel Pardo puxo en valor a importancia das políticas de prevención e planificación para mitigar o impacto das situacións de emerxencia, aspectos tamén fundamentais no ámbito da saúde laboral; e de subliñou que a prevención, un dos fins prioritarios da protección civil, é o medio para garantir a seguridade da cidadanía e responder de modo axeitado e eficaz en caso de riscos colectivos.

Manuel Pardo afirmou que a prevención e unha responsabilidade de todos, e este tipo de actividades axudan a afondar nos coñecementos dos deberes, así como dos modelos organizativos e dos medios preventivos precisos para por en práctica a prevención integrada no sistema xeral de xestión da empresa; por iso -explicou- “estas xornadas constitúen un referente para o intercambio de experiencias e coñecementos en materia de prevención e formación.  Ademais da presentación de produtos e servizos nas casetas, os talleres, conferencias e demostracións, proporcionan unha visión global da xestión e prevención dos riscos laborais”.

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Na primeira xornada do salón, mércores 12 de marzo, impartirán un seminario sobre a “Recomendacións preventivas contra caídas de altura na colocación de paneis solares en cubertas”. Ao día seguinte, o ISSGA impartirá outra xornada centrada na prevención de “riscos músculo-esqueléticos no uso de pantallas na oficina”. Por outra parte o ISSGA; en colaboración con FREMAP, impartirán dous obradoiros teórico-prácticos sobre a prevención de risco eléctrico en baixa tensión.

Novidades

Unha das novidades desta edición será a participación de centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación  da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º en emerxencias sanitarias. Outra das empresas participantes utilizará tamén simuladores para impartir un obradoiro sobre control de hemorraxias. Tamén participa a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) que se desprazou co seu Posto de Mando Avanzado. Trátase dunha unidade móbil coa máis moderna tecnoloxía para intervir en caso de accidente ou catástrofe como vén realizando nos últimos anos en todo o territorio da comunidade galega.

No que se refire á planificación, Manuel Pardo indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar. Nesta liña, o Goberno galego levou a cabo un importante traballo de revisión dos plans de protección civil autonómicos poñéndoos a proba con simulacros periódicos; por iso -sinalou o delegado territorial-  “as políticas públicas que se aplican resultan fundamentais para reducir a vulnerabilidade ante catástrofes naturais, industriais ou tecnolóxicas. De aí que desde a Xunta se estea a facer fincapé en desenvolver sistemas de alerta e plans de respostas, así como na dotación de medios e no fomento da formación e a autoprotección”.

Plans de Autoprotección

Ademais, en canto á autoprotección lembrou que Galicia conta desde 2012 co Rexistro de Plans de Autoprotección do que forman parte máis de 2.500 plans. Tamén se está a tramitar un novo decreto de Plans de Autoprotección de Galicia que permitirá actualizar o vixente aprobado en 2010.

A Xunta encárgase a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da formación dos efectivos de servizos de extinción de incendios e salvamento, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), Grupos de Emerxencias e Interior (GES), e corpos e forzas de seguridade para contar con profesionais ben preparados para actuar con eficacia ante calquera incidencia.

No caso das AVPC e os GES a Xunta destinou un investimento histórico destinado a renovar o equipamento destes servizos de emerxencias dos concellos con máis de 27 millóns de euros nos últimos anos.