Xoves, Xullo 01, 2010
Máis dun cento de profesionais participan na xornada de prevención da silicose na industria do cuarzo
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, celebra mañá día 2 de xullo no seu centro de Rande (Pontevedra) unha xornada sobre “Prevención da silicose na mecanización de aglomerados de cuarzo”, á que asistirán máis dun cento de profesionais, entre empresarios, traballadores, representantes sindicais, e técnicos de saúde laboral e prevención.
A oportunidade da sesión ven determinada pola necesidade de incrementar a formación preventiva ante o aumento de casos de silicose detectado entre os traballadores que se dedican á produción de mesados para cociñas e baños, mecanizando táboas de compactos de cuarzo, así como entre os montadores que efectúan traballos de axuste destas pezas en obra. Durante o procesado da materia prima, os traballadores están expostos á inhalación de po con alto contido de cuarzo. A evolución dos casos de silicose fai que as administracións reforcen as súas liñas de formación sobre esta enfermidade profesional e coa xornada de Rande o ISSGA anticípase á campaña que desenvolverá o vindeiro ano a Inspección de Traballo para previr a silicose.
A enfermidade prodúcese por inhalación de po que conteña partículas de sílice cristalina (cuarzo), un risco común en diferentes actividades laborais, como a extracción, labrado, tallado, molido ou tratamento da pedra; fabricación e tratamento de pedra artificial, fundicións, industria cerámica, tratamentos de superficies por abrasión, etc.
A sesión abordará, especificamente, a prevención da silicose na actividade de mecanización de aglomerados do cuarzo, mediante catro relatorios de expertos na materia, procedentes da administración, de mutuas e de empresas do sector. Manuel Gil Fernández, xefe do equipo de Medicina Laboral do centro do ISSGA en Rande falará de “Efectos sobre a saúde na exposición ao sílice” e María Luísa García Gutiérrez, da Inspección Provincial de Traballo de Pontevedra sobre “Aspectos legais”. A sesión completarase coa exposición de José María Chillón, da mutua Umivale, sobre “Prevención da silicose” e coa experiencia dunha empresa do sector, Privilege Advanced Surfaces, ubicada en Narón (A Coruña) e dedicada ao corte, tallado e acabado da pedra, cuxo xerente, José Deus Brage exporá “Boas prácticas preventivas”.
A xornada rematará cun coloquio, moderado polo xefe do centro ISSGA de Rande, José Antonio Rodríguez Arribe, e será clausurada pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García.