Venres, Setembro 29, 2017
Máis de cen persoas asisten no Centro Issga da Coruña á presentación dos documentos da campaña sobre amianto
A Coruña, 29 de setembro de 2017. Hoxe tivo lugar no Centro Issga da Coruña a xornada técnica de presentación da campaña “Alerta ISSGA, pode haber amianto“ que ten como obxecto a presentación da campaña e os documentos técnicos elaborados polo ISSGA para a identificación de amianto en obras de construción, reparación ou mantemento en edificios e instalacións e na que participaron máis de cen persoas.
Sen dúbida ningunha os maiores riscos do amianto na actualidade os sofren as persoas traballadoras que participan nas tarefas de desamiantado, pero tamén todas aquelas que, de maneira inesperada, se poden atopar con amianto sen ter suficiente formación, e especial en tarefas de mantemento e reformas de edificios e instalacións, así como de buques ou trens.
Nesta xornada presentouse a campaña e os documentos técnicos elaborados polo ISSGA cuxo obxectivo é alertar ao persoal traballador, tanto do sector da construción como sectores relacionados: traballos de fontanería, electricidade, instalación de gas gas... , moitos deles traballadores autónomos, sobre a posible presenza de materiais con amianto e os riscos que estes materias poden supor se non se manipulan de maneira correcta.
Ofrécese unha ferramenta que dá unha información básica de como identificar estes materiais e unhas pautas actuación para evitar que os materiais con amianto atopados de maneira inesperada, poidan poñer en risco ás persoas traballadoras ou terceiras persoas por actuar de maneira imprudente.
Os docentes desta actividades formativa, Gonzalo Zufía Álvarez e Lucía Ferrón Vidán, xefa da sección de Hixiene Industrial do ISSGA, afondaron ademais na importancia da inspección e diagnóstico dos materiais con amianto para poder xestionalos correctamente e evitar posibles situacións de risco, seguindo unha metodoloxía fiable e contrastada levada a cabo por persoal debidamente cualificado.
A finalidade última que se persegue é a de axudar a mellorar a información e a concienciar o empresariado, o persoal traballador galego, e propietarios e responsables de mantemento de edificios, sobre os riscos que poden xerar os materiais con amianto instalados e a súa prevención.
Documentos técnicos
Os documentos, cunha tiraxe de 10.000 exemplares, foron elaborados cunha linguaxe clara e directa e abundante material gráfico (fotos reais) co fin de que o persoal que o manipule poida ver reflectidas situacións reais do seu traballo cotián.
Preséntase dous documentos; o primeiro deles onde dun xeito máis amplo se explica que é o amianto e os seus perigos, onde se pode atopar, os diferentes materiais con amianto e os seus riscos e como nos podemos protexer e, o segundo, en formato fichas, elaboradas con material resistente, nas que se recollen as fotografías dos diferentes tipos de materiais xunto coa información básica para poder identificalos, os seus usos e localización, o ano da súa prohibición e se desprende fibras con facilidade, pensando para ue poidan ser utilizadas a “pé de obra”.
Campaña
A campaña continuarase desenvolvendo posteriormente nas Administracións e tamén está previsto realizar xornadas de difusión con asociacións de profesionais ou de autónomos que agrupen persoal que realiza traballos de fontanería, electricidade, carpintería... en xeral tarefas de reparación, mantemento e rehabilitación de edificios e instalacións.
Estratexia Galega SST 2017-2020 e Plan de actividades do ISSGA
Coa elaboración destes documentos e a posta en marcha desta campaña dáse cumprimento ao mandato previsto na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 e no Plan de actividades do ISSGA para 2017 (ficha PSRE 14. Traballos con risco por amianto. Actuación h.). Tamén se leva a cabo deste xeito a proposta formulada polo Grupo de traballo técnico de amianto creado por mandato do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, formado por persoal técnico da Administración, e das organizacións sindicais e empresariais, que motivou a inclusión da proposta no Plan de Actividades do ISSGA, e o ofrecemento da colaboración de todas as organizacións na difusión da campaña.