Xoves, Xuño 21, 2012
Máis de 75 profesionais participan en Pontevedra nunha xornada do Issga para informar sobre a toma de mostras dos aerosois
• Na iniciativa, que forma parte do Plan de Actividades do ISSGA para este ano, expuxéronse as ferramentas que existen no mercado e cumpren co indicado polas normas europeas co fin de facilitar a unificación de criterios técnicos
• Levouse a cabo un obradoiro onde se abordaron cuestións sobre a preparación do equipo de medición e os criterios de selección e uso das bombas de muestreo
• Esta xornada enmárcase no estudo das enfermidades profesionais e os ambientes de traballo que as poden provocar, unha das prioridades do Instituto
O centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) de Pontevedra acolleu hoxe unha xornada técnica sobre toma de mostras de aerosois e os mostreadores de fracción inhalable. A iniciativa, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar dentro do Plan de Actividades do ISSGA para este ano, tivo por obxectivo proporcionar aos 75 técnicos especialistas en hixiene industrial que participaron a información e as ferramentas necesarias para seleccionar e utilizar tanto o mostreador como a bomba máis axeitadas para as exposicións aos aerosois que deben avaliar.
Así, expuxeron as ferramentas que existen no mercado e cumpren co indicado polas normas europeas co fin de facilitar a unificación de criterios técnicos na toma de decisións no momento de enfrontarse a unha toma de mostras.
Desta forma, a primeira parte da xornada xirou en torno a unha explicación teórica sobre os requisitos que deben cumprir os mostreadores da fracción inhalable e a discusión sobre as súas vantaxes e limitacións, así como a súa aplicación ás distintas situacións de exposición.
A segunda parte do programa tivo un carácter máis práctico. Celebrouse un obradoiro onde se abordaron cuestións sobre a preparación do equipo de medición e os criterios de selección e uso das bombas de mostreo.
Esta xornada enmárcase no estudo das enfermidades profesionais e os ambientes de traballo que as poden provocar, unha das prioridades do ISSGA como órgano científico técnico de Galicia.
A celebración de xornadas técnicas en diferentes eidos tamén é un das labores que desempeña o ISSGA co obxectivo de dar a coñecer aos especialistas de cada materia as novidades tecnolóxicas e a promulgación de novas normativas, facilitando a divulgación destes coñecementos para adecualos ao progreso tecnolóxico, científico e lexislativo.
No eido relacionado cos aerosois, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral está a levar a cabo programas específicos como o asesoramento a diferentes órganos da administración, xudiciais e representantes dos empresarios e traballadores, programas de prevención de riscos por sílice e a elaboración do mapa de risco químico de Galicia, entre outras actuacións.