Luns, Novembro 21, 2011
Máis de 70 alumnos asisten ao curso básico de prevención de riscos laborais no Centro ISSGA de Pontevedra
Este luns comezou, dentro da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral para este ano 2011, a 4ª edición do Curso básico de prevención de riscos laborais no seu centro de Pontevedra, no que participarán ata o vindeiro venres máis de setenta alumnos.
Contido
Este curso ten unha duración de 35 horas e desenvolve o programa formativo que se establece no anexo IV-B) do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de Prevención, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 5 horas.
1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
2. Riscos xerais e a súa prevención.
3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.
4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.
5. Primeiros auxilios.
6. Prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Obxectivos
1. Proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención, establecida no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.
2. Proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.
Oferta formativa do ISSGA
A Lei de Prevención de Riscos Laborais establece entre outras obrigas, a de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.
Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.
Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve nos seus centros provinciais, ten o propósito de proporcionar formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e dar cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011 – 2014.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.