Novas

Mércores, Decembro 05, 2012

Máis de 500 alumnos reciben formación en cursos do Issga sobre prevención de riscos laborais en actividades do sector agroforestal

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, clausurou o venres pasado un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tala e poda ao que asistiron cerca dunhas 30 persoas en Sober.

Os participantes desta actividade son principalmente traballadores en activo, aínda que tamén desocupado vinculados ao sector agrario. Quinzá-Torroja apuntou que nos traballos forestais existe unha repetición de accidentes, moitos deles mortais, porque habitualmente descoñécense aspectos básicos da prevención.

O curso incidiu en protocolos para evitar incidentes ou reaccionar ante eles dunha forma rápida, cando por exemplo se produce un sinistro no monte.

A miúdo os accidentes están relacionados coa corta de árbores e a mesma montaxe ou mantemento das motoserras segundo apuntou a responsable do Issga, entidade que impulsou este curso debido á alta actividade nestes sectores na zona.

O curso de Sober é parte da formación que o Issga está a desenvolver entre os meses de novembro e decembro, cun total de 35 cursos de prevención de riscos laborais no sector do agro, que ofertan 570 prazas. Son cursos de carácter gratuíto para o alumnado.

Os 35 cursos abarcan contidos distintos co obxecto de formar en prevención de riscos laborais aos traballadores dos sectores agrogandeiro e forestal naquelas actividades con maior implantación en Galicia. As distintas edicións están dedicadas ao emprego de maquinaria agrícola, da maquinaria forestal e o manexo práctico da motoserra, ás tarefas propias das explotacións gandeiras e a actividade vitivinícola.