Martes, Setembro 21, 2010
Máis de 150 profesionais participan na Xornada técnica de Xestión do Risco por Amianto, no centro ISSGA de A Coruña
Na xornada, celebrada no centro do ISSGA en A Coruña, déronse cita técnicos de prevención de riscos laborais, organizacións sindicais, mutuas e representantes de empresas adicadas a actividades con materiais que conteñen amianto, que pola normativa vixente están obrigadas a darse de alta no Rexistro de Empresas con Risco por Amianto, RERA, e cumprir unhas estrictas condicións e un detallado plan de traballo, que debe ser informado favorablemente pola administración competente.
Interviron como relatores Lucía Ferrón, xefa de sección de Hixiene Industrial do ISSGA, que abordou a normativa actual e os requirimentos derivados do RD 396/2006; Carmen Diego Roza, neumóloga do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, que se centrou nos efectos do mineral sobre a saúde; Gonzalo Zufía Alvarez, directivo de IGR S.A. e presidente do Grupo de Traballo de Amianto da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, que explicou a metodoloxía de identificación de materiais con amianto nos edificios; Joan de Monserrat Vallvé, técnico certificado de diagnóstico de amianto en edificios, que desenvolveu unha ponencia sobre a toma de mostras e análises; e Asunción Freixa Blanxart, da Unidade Técnica de análises ambientais e biolóxicas do Centro Nacional de Condicións de Traballo de Barcelona, que describiu a situación actual e a problemática asociada. A xornada foi clausurada pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García.
211 empresas en Galicia
En Galicia hai un total de 211 empresas inscritas no RERA, un rexistro creado polo Real decreto 396/2006 que establece as medidas de protección e prevención ás que están obrigadas as empresas que realicen actividades nas que os traballadores estean expostos ao contacto con fibras de amianto ou materiais que o conteñan, tales como demolicións ou reformas de estruturas ou edificios.
Amais da inscrición no RERA, as empresas están obrigadas a presentar un plan de traballo antes de cada intervención, que é informado por técnicos dos institutos de seguridade e saúde laboral da comunidade autónoma correspondente.
Co obxectivo de mellorar a formación dos profesionais que emiten os informes, a xornada complementase os días 21 e 22 cun curso para técnicos das administracións, ao que están invitados os institutos de Seguridade Laboral do País Vasco, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana e Murcia, ademais de inspectores de traballo, técnicos do ISSGA, do Sergas, das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia. A finalidade, neste caso, é favorecer unha formación especializada tanto dos técnicos responsables de elaborar os plans de traballo nas empresas como dos responsables de emitir os informes administrativos sobre os mesmos.