Novas

Xoves, Outubro 28, 2021

Máis de 100 persoas reciben formación da Xunta no uso dos exoesqueletos para previr trastornos entre os traballadores en tarefas de carga

Máis de 100 persoas reciben formación da Xunta no uso dos exoesqueletos para previr trastornos entre os traballadores en tarefas de carga
  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou hoxe na súa sede coruñesa unha xornada técnica en formato mixto, presencial e en liña, para previr as afeccións musculoesqueléticas de orixe laboral con medios innovadores

A Coruña, 28 de outubro de 2021. A Xunta organizou hoxe na Coruña a segunda das actividades coas que, no marco da celebración da Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, están a incidir na importancia da ergonomía para previr os trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral.

A xornada técnica, realizada en formato mixto, presencial e en liña, estivo organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desde a súa sede coruñesa e contou coa participación de 125 persoas.

A actividade enmárcase no programa anual de formación do Issga. Tivo por obxecto sensibilizar e informar sobre os exoesqueletos, unha ferramenta innovadora, que naceu coa finalidade de axudar ao aparato locomotor das persoas traballadoras na realización de tarefas de carga e contribuír, co seu uso, a previr trastornos musculoesqueléticos.

Os exoesqueletos inclúen a tecnoloxía Mocap, que permite realizar unha monitorización dos movementos, o que facilita analizar movementos e posturas precisos para o desempeño de tarefas de elevada esixencia física en postos de traballo reais. Co paso do tempo, esta observación permitirá fixar medidas para evitar lesións no seu desempeño.

A xornada estivo dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese na materia sobre riscos para unha mellor información e especialización.

A actividade de hoxe, que a Xunta organizou en colaboración con Asepeyo, enmárcase no programa de actuacións coas que o Goberno galego está a conmemorar a Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo que mañá conclúe e que, nesta anualidade, estivo enfocada a sensibilizar acerca dos trastornos musculoesqueléticos que se veñen de intensificar co desenvolvemento de traballos esenciais durante a pandemia e co auxe do teletraballo.