Novas

Venres, Novembro 30, 2012

Máis de 100 persoas participan nas xornadas sobre accidentes laborais non traumáticos organizadas polo ISSGA

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, clausurou onte as xornadas

• O obxectivo principal desta iniciativa é amosar cales son os factores de risco cardiovascular e ver como se poden corrixir mediante o cambio de hábitos

• Un cambio de hábitos pode chegar a reducir en máis dun 30% a probabilidade de que se produzan este tipo de enfermidades

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de organizar dúas xornadas, en Lugo e Ourense, sobre ‘Accidentes non traumáticos. Accidentes de Traballo’, nas que participaron máis de cen persoas.

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou onte as xornadas celebradas no centro do ISSGA en Ourense.

Estas xornadas teñen como obxectivo dar a coñecer as estatísticas sobre accidentes non traumáticos, aclarar conceptos legais en relación con este tipo de accidentes, amosar cales son os factores de risco cardiovascular e, especialmente, ver como se poden corrixir os principais factores mediante o cambio de hábitos.

Os accidentes non traumáticos son unha importante fonte de sinistralidade, de feito, as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte na poboación española e, por primeira vez desde o ano 2010, tamén o foron por accidente de traballo na xornada laboral.

Adela Quinzá-Torroja salientou que a prevención deste tipo de enfermidades é fundamental, especialmente nos accidentes cardiovasculares, por iso “é importante saber cales son os factores de risco e corrixilos”. De feito, tense comprobado que un cambio de hábitos pode chegar a reducir en máis dun 30% a probabilidade de que se produzan este tipo de enfermidades.

Ademais, a análise das repercusións da adopción de boas prácticas no ámbito laboral permite, tanto ao traballador como ao empresario, culminar coa creación de empresas saudables. Por último, a directora do ISSGA destacou a importancia de que “as empresas optimicen os seus recursos e adecúen as súas estruturas ás novas exixencias socioeconómicas”.