Novas

Luns, Outubro 28, 2013

IV Seminario Seveso en Santiago de Compostela

O Seminario Seveso está conformado por un conxunto de actividades sen ánimo de lucro orientadas á difusión de coñecemento en materia de riscos, á difusión de desenvolvementos de estratexias integradas de xestión de riscos e emerxencias e ao establecemento de relacións entre os axentes implicados, incluída a sociedade.

As actividades consisten en sesións plenarias celebradas cunha periodicidade bienal, iniciada no ano 2007, e outras actividades (conferencias, xornadas técnicas, reunións de traballo) distribuídas nese período de dous anos.

As xornadas técnicas previstas para este IV Seminario Seveso terán lugar na sede da Fundación Empresa - Universidade Galega (FEUGA) en Santiago de Compostela durante os días 28 e 29 de outubro do 2013.

A primeira das xornadas do seminario dedicarase, por unha parte a analizar a importancia da sistematización da xestión das condicións de traballo e os beneficios que pode achegar e, por outra parte, a analizar o estado actual dun aspecto tan importante para as condicións de traballo como a correcta información e coñecemento sobre os riscos de tipo químico e a aplicación do Real decreto 1215/1997, a posta en conformidade de máquinas usadas ou a aplicación da norma ISO 13849.

A segunda xornada dedicarase á análise de diferentes obrigas, presentes e en perspectiva de futuro, que afectan á planificación das actuacións industriais. Neste sentido trataranse as novas esixencias que implica a directiva Seveso III, a complexidade que pode supoñer o axeitado cumprimento da normativa de atmosferas explosivas e o estado actual do uso de produtos químicos de risco en Galicia Por outra parte, en liña co compromiso do Seminario coa información sobre riscos como ferramenta de formación ao público sobre a realidade da industria de proceso, se abordará a aplicación real das estratexias de comunicación en situacións de emerxencia.

Na primeira xornada participará Miguel Martínez Losada, xefe do centro do Issga da Coruña, cuxo relatorio tratará sobre o Regulamento CLP e REACH. Na segunda xornada Lucía Ferrón Vidán, xefe de sección de hixiene industrial do Issga, que explicará a metodoloxía e resultados do Mapa de risco químico de Galicia.