Novas

Martes, Marzo 28, 2023

Iniciamos un curso de prevención de riscos laborais de nivel básico para persoal traballador autónomo

  • Comeza hoxe coa participación de case 100 persoas

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023.- Comeza un novo curso de formación sobre prevención de riscos laborais para persoal traballador autónomo con 100 prazas, que forma parte do Plan anual de actuación do Issga, no que recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 4 de maio, data na que se realizará unha proba final.

O Issga este ano, en total, ofrece 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para persoal traballador autónomo, que é a que comezou hoxe, e outra para actividades de tempo libre que terá lugar no último trimestre do ano.

A Xunta, a través destes cursos promove comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomenta o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenden a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Desenvolven o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas.