Domingo, Maio 31, 2020
Informamos sobre a seguridade no uso de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) no centro do Issga da Coruña
A Coruña, 31 de maio de 2019
As plataformas elevadoras móbiles de persoal ( PEMP), son máquinas especialmente deseñadas, fabricadas e destinadas para a elevación de persoas, utilizadas en multitude de actividades e situacións.
Cando estes equipos de traballo se fabrican de acordo ás normas técnicas de aplicación son intrinsecamente seguros; con todo, os fallos de funcionamento ou o seu manexo inadecuado comportan riscos moi elevados porque se usan para realizar traballos en altura. Ademais, en moitas ocasións estes equipos son alugados, e o seu manexo nos lugares de traballo realízase polo usuario ou arrendatario, a miúdo sen a cualificación necesaria e descoñecedores das normas de utilización segura.
Aspectos que se van a tratar na xornada:
• Importancia do risco de caída de altura.
• As PEMP como equipos de traballo:
◦ Ámbito de aplicación
◦ Estatísticas de sinistralidade con PEMP
• Medidas preventivas no uso das PEMP:
◦ Necesidade de supervisión de seguridade durante os traballos
◦ EPI axeitados para traballos con PEMP
• Formación dos operadores
Durante a xornada utilizarase un simulador virtual que permite reproducir distintas contornas de traballo e complementar, de forma segura, a formación presencial preceptiva e necesaria para a utilización destes equipos de traballo.
Nela participan representantes en España da Federación Internacional do Acceso Motorizado (IPAF), que agrupa a distribuidores, usuarios, arrendadores e formadores no uso destes equipos de traballo a nivel internacional. Esta organización xestiona unha rede mundial de centros que imparten formación certificada de operadores de plataformas elevadoras.
Esta xornada encádrase dentro do Eixo 5 do Plan de Actividades 2019 do Issga: “Promoción da prevención e redución da sinistralidade”, ao tratar da utilización de equipos específicos para realizar traballos en altura, que abarcan diversos sectores de actividade, pero especialmente o da construción e afíns (Actividade 5.1).