Novas

Mércores, Novembro 28, 2018

Informamos nunha xornada técnica sobre a seguridade e cualificación para o manexo de maquinaria de construción

Lugo, 28 de novembro de 2018. Esta xornada, que ten lugar hoxe no centro Issga de Lugo e mañá no da Coruña, ten como obxectivo informar os profesionais da prevención, técnicos, empresarios e traballadores sobre a importancia da cualificación da experiencia e profesionalidade no manexo de maquinaria de construción, cualificación que necesariamente integrará a formación teórica e práctica legalmente esixible en materia preventiva.

As máquinas son perigosas por natureza. Existe un risco derivado da manipulación das máquinas en xeral e as de construción en particular, polo que debemos considerar a obrigatoriedade de que estas reúnan os sistemas de protección máis adecuados ao tipo de máquina e ao sistema de traballo e que os traballadores que as manipulan están debidamente cualificados. A cualificación dos operadores de maquinaria para ser completa necesariamente integrará a formación teórica e práctica legalmente esixible en materia preventiva.

A certificación de operador de maquinaria é un sistema creado pola Fundación Laboral da Construción que permite certificar os coñecementos e habilidades dos traballadores do sector no manexo de maquinaria de construción, independentemente de como as adquiriran, a través de formación ou a través da experiencia profesional, que permite acreditar a experiencia e profesionalidade e ter maior empregabilidade, porque a cualificación da experiencia achega un valor engadido diferencial á hora de acceder ao mercado laboral. Este sistema de cualificación de operador de maquinaria serve como exemplo tanto para o sector da construción como para outros sectores nos que o manexo de maquinaria é cotián, como nos sectores agrícola, forestal, mineiro, etc.

Para integrar adecuadamente a prevención nas obras de construción resulta fundamental a intervención dos servizos de prevención que deben de garantir a formación suficiente e adecuada, teórica e práctica dos devanditos operadores, para o que se deben de establecer unha serie de controis durante todo o proceso produtivo coa finalidade de facer efectiva a mesma.

Estas xornadas técnicas forman parte da oferta formativa do Issga incluída no seu Plan anual de actividades e dan resposta ao recollido na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 no senso de promover actuacións de intercambio de boas prácticas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e organizar xornadas técnicas, campañas, encontros, cursos de formación ou calquera outra actividade informativa, para sensibilizar sobre a seguridade e saúde no traballo, compartir experiencias e divulgar a importancia da prevención de riscos laborais.

Durante estas accións formativas se lembra as obrigas legais e a normativa de referencia no ámbito da seguridade para o manexo de maquinaria de construción, se analiza a cualificación do operador de maquinaria e se explica a certificación da Fundación Laboral da Construción e, por último, se aborda a intervención dos servizos de prevención na formación e autorización para o uso da maquinaria en obra, tanto propia como de colaboradores externos.