Venres, Agosto 29, 2025
Impartimos unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios en Begonte
Begonte, 29 de agosto de 2025.
O ISSGA, dentro do seu programa de sensibilización e información en PRL nos obradoiros de emprego recollido no eixe 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade” do seu Plan de actuación 2025, imparte unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá VIII promovido polo Concello de Begonte e ao que están asociados os concellos de Friol e Rábade.
A través da colaboración entre os concellos de Galicia e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración póñense en marcha os denominados obradoiros de emprego. Para o ISSGA preséntase como un escenario idóneo para incorporar a PRL na formación para unha actividade específica.
A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.
Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.
O obxectivo é integrar a PRL na etapa formativa e concretala nos riscos e medidas preventivas da actividade na que se están a formar.