Mércores, Xuño 19, 2024
Impartimos unha xornada técnica nun obradoiro de emprego en Marín
Marín, 19 de xuño de 2024. Hoxe tivo lugar no espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria do Parque Azul - Marín unha xornada técnica de prevención de riscos laborais na atención sociosanitaria para o alumnado do Obradoiro de emprego “Atención sociosanitaria -SSCS0108/SSCS0208”.
Esta actividade foi impartido polo persoal técnico do Centro Issga_Pontevedra, José Miguel López Gey e abordáronse aspectos relacionados coa xestión do riscos laborais na atención sociosanitaria.
Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.
A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.
Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.