Novas

Luns, Maio 13, 2024

Impartimos unha xornada técnica no obradoiro de emprego “Serra do Faro VIII” en Chantada

Imaxe obradoiro Chantada

Chantada, 13 de maio de 2024. Hoxe tivo lugar no Edificio Multiusos de Chantada unha xornada técnica teórico-práctica de sensibilización sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios para o alumnado do Obradoiro de emprego “Serra do Faro VIII” de Chantada, Carballedo e Taboada dos módulos de atención sociosanitaria, albanelería e xardinaría.

Esta actividade foi impartido polo persoal técnico do Centro Issga_Lugo, Laura Neira Fernández e María García Díaz e abordáronse aspectos relacionados co risco psicosocial, biolóxico e ergonómico así como sobre primeiros auxilios.

Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.

Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.