Novas

Mércores, Abril 25, 2018

Impartimos unha xornada técnica no IES Gregorio Fernández de Sarria

Impartimos unha xornada técnica no IES Gregorio Fernández de Sarria

Mércores, 25 de abril de 2018.- Esta acción formativa sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios tivo un contido teórico e práctico e foi impartida por María García Díaz, especialista en enfermería do traballo e Álvaro J. López Aenlle, xefe de equipo de Seguridade, ambos os dous técnicos de prevención do centro do ISSGA de Lugo.

Estivo destinada a uns 60 alumnos do IES Gregorio Fernandez de Sarria:

  • Ciclo Medio de Xestión Administrativa

  • Ciclo Superior de Administración e Finanzas

  • Ciclo Medio de Mecanizado

  • Ciclo Medio de Mantemento Electromecánico

  • Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial

  • Formación Profesional Básica, as ramas de Administrativo e de Fabricación Mecánica

Unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.

Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.

Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.