Xoves, Novembro 13, 2025
Impartimos un webinar sobre as novidades na guía técnica de manipulación manual de cargas do INSST
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) celebrou hoxe en modalidade de videoconferencia, o webinar “Novidades na Guía Técnica de Manipulación Manual de Cargas do INSST”, en colaboración con Fremap centrado na análise das actualizacións incorporadas na recente revisión desta Guía elaborada polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST).
A xornada permitiu dar a coñecer os novos criterios técnicos e as recomendacións prácticas que ofrece a Guía para a avaliación e prevención dos riscos derivados da manipulación manual de cargas (MMC). Entre as principais novidades destacouse a substitución do método único de avaliación por métodos alternativos máis flexibles, adaptables ás distintas tarefas e sectores, así como a inclusión dun novo apéndice sobre a mobilización de persoas, pensado para mellorar a prevención en ámbitos asistenciais e outros contextos específicos.
A sesión, conducida por Emilia Fernández Rey e José Ramón Castillo, facilitou a comprensión e a aplicación práctica co obxectivo de apoiar ás empresas e profesionais na identificación e xestión dos riscos asociados á manipulación manual de cargas (MMC).