Mércores, Marzo 10, 2021
Impartimos un webinar no IES de Burela (Lugo)
10 de marzo de 2021.- Esta acción formativa realizada na modalidade virtual tivo como destinatarios ao alumnado dos ciclos de Xestión Administrativa de Formación Profesional do IES Perdouro de Burela (Lugo).
Expuréronse contidos introdutorios e o marco normativo en prevención de riscos laborais e se lles explicaron os factores de riscos para logo centrar esta actividade formativa nos riscos laborais específicos máis relacionados coa súa actividade, fundamentalmente de índole ergonómica e psicosocial en traballos administrativos.
Esta actividade foi impartida polos técnicos do centro ISSGA de Lugo:
-
María Pilar Rodríguez González
-
Manuel Gasalla Regueiro
-
María García Díaz
-
M.ª Paz Eyre Vázquez
Unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.
A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.
Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.
Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.