Novas

Venres, Xuño 15, 2018

Impartimos un seminario sobre a exposición ao radon no ámbito laboral na Coruña

Impartimos un seminario sobre a exposición ao radon no ámbito laboral na Coruña

A Coruña, 15 de xuño de 2018. No marco da colaboración formativa que o ISSGA está a levar a cabo co Laboratorio de Radon de Galicia, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, de recoñecido prestixio internacional nesta materia, hoxe tivo lugar o seminario técnico "A exposición ao radon no ámbito laboral" no centro do ISSGA na Coruña.

Esta colaboración ven motivada porque a normativa en proxecto atribúe as competencias e esixencia do cumprimento das disposicións relativas ao radon á ITSS, polo que é necesario formar ao persoal do ISSGA nos coñecementos científico-técnicos para exercer o noso labor, neste caso especialmente como órgano ao que lle corresponde prestar colaboración e asesoramento técnico á autoridade laboral e á Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS).

Xa que a aplicación da normativa relativa ao radon afecta directamente a outros departamentos da Administración, tamén asistiu a este seminario persoal con responsabilidades neste eido da ITSS, dos distintos servizos de prevención propios da Xunta de Galicia así como das Consellerías de Industria e Sanidade.

O seminario tivo un carácter teórico-práctico e abordáronse tanto os aspectos legais dende o punto de vista laboral, como os coñecementos actuais sobre o riscos para a saúde que supón o radon e a súa abordaxe, e finalmente a medición e principais solucións construtivas. Esta última parte complementouse coa parte práctica na que se colocaron os instrumentos de medida no centro do ISSGA na Coruña.