Novas

Martes, Xuño 26, 2018

Impartimos un seminario sobre a exposición ao radon no ámbito laboral en Pontevedra

Impartimos un seminario sobre a exposición ao radon no ámbito laboral en Pontevedra

Rande-Redondela, 26de xuño de 2018. No marco da colaboración formativa que o ISSGA está a levar a cabo co Laboratorio de Radon de Galicia, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, de recoñecido prestixio internacional nesta materia, hoxe tivo lugar o seminario técnico "A exposición ao radon no ámbito laboral" no centro do ISSGA en Pontevedra.

Esta colaboración ven motivada porque a normativa en proxecto atribúe as competencias e esixencia do cumprimento das disposicións relativas ao radon á ITSS, polo que é necesario formar ao persoal do ISSGA nos coñecementos científico-técnicos para exercer o noso labor, neste caso especialmente como órgano ao que lle corresponde prestar colaboración e asesoramento técnico á autoridade laboral e á Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS).

Tamén asistiu a este seminario persoal con responsabilidades neste eido da administración, servizos de prevención, empresas, sindicatos, etc.

O seminario tivo un carácter teórico-práctico e abordáronse tanto os aspectos legais dende o punto de vista laboral, como os coñecementos actuais sobre o riscos para a saúde que supón o radon e a súa abordaxe, e finalmente a medición e principais solucións construtivas. Esta última parte complementouse coa parte práctica na que se colocaron os instrumentos de medida no centro do ISSGA en Pontevedra.