Novas

Venres, Xuño 30, 2017

Impartimos un curso sobre o uso do desfibrilador no Centro Issga da Coruña

A Coruña, 29 de xuño de 2017.- En Galicia as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes. De todas as situacións de emerxencia, a reanimación cardiopulmonar representa o paradigma en que a actuación precoz e con medios adecuados condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e a minimización das posibles secuelas.

As causas máis frecuentes da parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, e teñen como tratamento fundamental dentro da reanimación cardiopulmonar e a cadea de supervivencia a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos, os desfibriladores, resultan imprescindibles para abordar con éxito as manobras de reanimación, co apoio das urxencias Sanitarias garantindo a continuidade asistencial. Segundo as Recomendacións para a resucitación 2015 do Consello Europeo de Resucitación, «a instalación de DESA en zonas onde se pode esperar unha parada cardíaca cada cinco anos, considérase custo efectivo e comparable a outras intervencións médicas».

Recentemente publicouse o decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, e se crea o seu rexistro e que ten por obxecto:

a) Establecer as condicións e requisitos para a instalación, uso e mantemento, fóra do ámbito sanitario, de desfibriladores externos automáticos e semiautomáticos.

b) Determinar os lugares nos cales é recomendable dispor dos ditos desfibriladores, o réxime de notificación da súa instalación e a súa correcta sinalización.

c) Establecer os requisitos mínimos relativos á formación dos/as manipuladores/as.

d) Crear o Rexistro de Desfibriladores Externos de Galicia.

O Issga adquiriu catro desfibriladores semiautomáticos para cada un dos seus catro centros provinciais e realizou a formación do seu persoal nun curso que tivo lugar hoxe no centro Issga da Coruña.