Novas

Luns, Xullo 12, 2021

Impartimos un curso formativo de seguridade en escaleiras manuais

  • Tivo lugar no Polígono Industrial do Ceao en Lugo e contou coa participación de 13 alumnos

Lugo, 12 de xullo de 2021. O ISSGA continúa coa organización e realización de cursos relacionados coa formación do persoal traballador que realiza actividades relacionadas cos traballos en altura, neste caso coa seguridade en escaleiras manuais.

Nun estudo sobre a análise da accidentabilidade laboral proposto polo grupo de traballo de Sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral evidenciouse que as escaleiras de man era unha das principais causas dos accidentes laborais nos traballos en altura, motivo polo que se propuxo a realización de diversas actuacións que axudaran a mellorar as condicións laborais neste tipo de traballos e a reducir o número de accidentes nos que se utiliza este elemento.

Este curso presencial, no que se seguiu o un protocolo COVID especificamente deseñado, tivo unha duración de 6 horas lectivas, das cales 1 estivo dedicada á parte teórica e 5 foron de carácter práctico.

Dentro do programa formativo incluríronse conceptos básicos da seguridade e a prevención de riscos nos traballos en altura, a identificación de equipos de traballo específicos, tipos de equipos de protección individual (EPI) e sistemas de protección contra caídas, instalación de liñas de ancoraxe temporal, utilización de pértega de seguridade ou a colocación da escaleira de man, entre outros contidos.

Nos vindeiros meses terán lugar novas edicións deste curso; deste xeito, continuamos coa nosa labor formativa para acadar contornas laborais máis seguras e con persoal máis cualificado, colocando a saúde laboral e o coñecemento como eixos básicos da dinamización económica da Comunidade.