Novas

Venres, Outubro 27, 2023

Impartimos formación sobre prevención de riscos laborais nun obradoiro en Barbadás

Impartimos formación sobre prevención de riscos laborais nun obradoiro en Barbadás

Barbadás, 27 de outubro de 2023. O ISSGA no seu Plan de actuación 2023 recolle no seu eixe 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade” unha ficha co programa de sensibilización e información en PRL nos obradoiros de emprego.

Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.

Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.

Obxectivo

O obxectivo é integrar a PRL na etapa formativa e concretala nos riscos e medidas preventivas da actividade na que se están formando.

O persoal técnico do centro ISSGA_Ourense desprazouse ata Barbadás para expoñer ao alumnado das especialidades de “ACTIVIDADES AUXILIARES EN CONSERVACIÓN E MELLORA DOS MONTES” e “OPERACIÓNS AUXILIARES DE ACABADOS RÍXIDOS E URBANIZACIÓN” dun xeito claro e sinxelo, os principais riscos e medidas de prevención para evitar a aparición de danos para a saúde no desenvolvemento da súa actividade laboral.