Mércores, Novembro 05, 2025
Impartimos formación sobre prevención de riscos laborais nas Neves.
As Neves, 5 de novembro de 2025
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) impartiu hoxe unha xornada formativa sobre prevención de riscos laborais dirixida ao alumnado de 1º curso dos ciclos medios de Panadaría, Repostería e Confitería; Coidados Básicos Auxiliar de Enfermaría; e Xestión Administrativa do EFA A Cancela (As Neves).
A actividade enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA, que ten entre os seus obxectivos prioritarios achegar a formación preventiva aos centros educativos e fomentar a cultura da seguridade entre o alumnado de formación profesional.
A sesión contou coa participación de José Miguel López Gey, Xefe de Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía, e Raquel Gulías Sanmartín, Técnica de Seguridade e Saúde Laboral, ambos profesionais do Centro ISSGA de Pontevedra.
Ao longo da mañá abordáronse contidos teóricos e prácticos sobre riscos xerais nos distintos sectores profesionais, así como nocións básicas de primeiros auxilios, destacando a importancia da prevención, a identificación temperá dos riscos e a correcta utilización dos equipos de protección individual (EPI).
Desde o ISSGA salientan a relevancia de promover este tipo de accións formativas no ámbito educativo, especialmente entre o alumnado que se prepara para a súa futura incorporación ao mercado laboral. Consideran que a integración da prevención dende as etapas formativas é clave para reducir a sinistralidade, mellorar o benestar nos postos de traballo e consolidar unha auténtica cultura preventiva en Galicia.