Mércores, Febreiro 26, 2025
Impartimos formación sobre prevención de riscos laborais en Outomuro
Outomuro (Cartelle), 26 de febreiro de 2025
Onte, persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia (Issga) impartiu unhas xornadas formativas en Outomuro, dirixidas a dous grupos do Obradoiro de Emprego + Vida, enfocado na atención sociosanitaria a persoas dependentes.
Durante estas xornadas, abordáronse temas cruciais relacionados coa prevención de riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais no coidado de persoas con dependencia. A formación ten como obxectivo equipar aos participantes coas ferramentas necesarias para garantir unha contorna laboral segura e saudable, promovendo así a calidade na atención a este colectivo.
O Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia (ISSGA) reafirma o seu compromiso coa sensibilización e a formación en Prevención de Riscos Laborais (PRL) a través do seu Plan de Actuación 2025. Neste contexto, os talleres de emprego preséntanse como un escenario idóneo para integrar a prevención na formación específica dos participantes.