Novas

Venres, Novembro 15, 2024

Impartimos formación sobre prevención de riscos laborais en Becerreá

imaxe obradoiro Becerreá

Becerreá, 15 de novembro de 2024

 

O ISSGA no seu Plan de actuación 2024 recolle no seu eixe 5 “Promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade” unha ficha co programa de sensibilización e información en PRL nos obradoiros de emprego.

Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.

Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.

Obxectivo

O obxectivo é integrar a PRL na etapa formativa e concretala nos riscos e medidas preventivas da actividade na que se están formando.

O persoal técnico do ISSGA desprazouse ata Becerreá para impartir unha Xornada Técnica sobre Prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no Obradoiro de emprego VÍA KÜNING V

Neste obradoiro expuxeronse, dun xeito claro e sinxelo, os principais riscos e medidas de prevención para evitar a aparición de danos para a saúde no desenvolvemento da súa actividade laboral.