Novas

Xoves, Outubro 30, 2025

Impartimos formación sobre axentes canceríxenos, mutáxenos e reprotóxicos. Obradoiro práctico sobre identificación e medidas preventivas

imaxe curso axentes canceríxenos

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organiza unha acción formativa na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dirixida ao persoal técnico do ISSGA e técnicos dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia, da Administración autonómica de Galicia e outro persoal interesado ao servizo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da administración institucional. Esta formación, que se celebra en formato presencial os días 28, 29 e 30 de outubro de 2025, ten como finalidade dotar ao alumnado de ferramentas prácticas e criterios técnicos para coñecer os riscos laborais derivados da exposición a canceríxenos, mutáxenos e reprotóxicos que permita a súa axeitada identificación para evitar os seus efectos sobre  a saúde das persoas traballadoras.

Obxectivos do curso:
  • Mellorar na identificación dos axentes canceríxenos, mutágenos e reprotóxicos, nos riscos qu e supoñen para a saúde.

  • Coñecer a normativa de aplicación (RD 665/97 Guía Técnica de Canceríxenos do INSST)  e as principais novidades lexislativas recentes que inclúen a incorporación de novas substancias e riscos no Anexo I e a actualización do Anexo II sobre valores límite de exposición profesional.

  • Dar a coñecer as medidas de control  que se poden establecer a través de exemplos prácticos de lugares e postos de traballo nos que se pode  atopar amianto.

  • Profundar nos protocolos de vixilancia da saúde en relación con estes axentes.

  • Dar a coñecer os riscos para a saúde e o medio ambiente asociados á exposición aos fumes diésel e aceites minerais usados, así como xestión do risco de exposición.
     

Personal docente:

O curso conta coa colaboración de persoal técnico especializado na docencia:

  • INSST (Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo): Virginia Gálvez Pérez, Teresa Sánchez Cabo e Cristina Arrimadas Berzosa.

  • Osalan (Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral): Aitor Guisasola Yeregui.

  • FREMAP: Javier Ruíz Pérez.

Relevancia do curso nas estratexias de seguridade e saúde  no traballo:

Esta acción formativa está aliñada coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e co Plan 2025 do ISSGA, reforzando a prevención das enfermidades profesionais e a formación continua do persoal técnico galego. Ademais, contribúe á difusión das directrices do INSST sobre manipulación segura de substancias canceríxenas, mutáxenas e reprotóxicas, consolidando o compromiso do ISSGA coa promoción dunha cultura preventiva sólida.