Novas

Venres, Novembro 14, 2025

Impartimos formación práctica na Aula de Risco Eléctrico con participación de profesorado de centros educativos

imaxe formación risco eléctrico

Rande,  14 de novembro de 2025

O ISSGA continúa a impulsar accións formativas dirixidas ao profesorado e aos futuros profesionais do ámbito da electricidade, incorporando a seguridade como un elemento indisoluble da formación técnica. Con este obxectivo organizouse unha nova actividade práctica na Aula de Risco Eléctrico, na que técnicos expertos en risco eléctrico explicaron o funcionamento detallado de toda a instrumentación dispoñible  na aula co obxectivo proporcionar unha ferramenta práctica ao profesorado e retomar de maneira activa o uso da Aula de Risco Eléctrico.

A sesión contou coa participación de Ángel López Álvarez _Xefe do centro ISSGA Ourense e Francisco J. Garrido (Fremap) que  explicaron polo miúdo o funcionamento de todos os equipos da Aula, de maneira que os docentes poidan empregar os recursos de forma autónoma nas instalacións do ISSGA. Logo dunha breve  exposición teórica, na que se presentou o contido da actividade e os principais riscos aos que se enfronta o alumnado cando emprega os equipos da Aula, desenvolveuse a parte práctica, na que o profesorado puido coñecer de primeira man o funcionamento e manexo dos distintos aparellos e simuladores co obxectivo de reforzar a súa capacitación técnica. 

A Aula de Risco Eléctrico conta cunha importante dotación de equipos e medios auxiliares que permiten realizar explicacións prácticas sobre materiais e equipos empregados habitualmente na reparación e mantemento de instalacións eléctricas de alta tensión, simular sistemas de posta a terra permitindo visualizar situacións reais de traballo.

Coa actividade realizada, o ISSGA busca mellorar a formación, as habilidades prácticas e a concienciación sobre o risco eléctrico, contribuíndo así a reducir a sinistralidade laboral. Ademais, estas accións permitirán que o profesorado poida trasladar esta formación ao seu alumnado mediante visitas á Aula, que comezarán xa durante este mesmo mes.