Novas

Xoves, Agosto 28, 2025

Impartimos formación de riscos laborais nun obradoiro de emprego en Mos

imaxe obradoiro Mos

Mos, 28 de agosto de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) desenvolveu unha acción formativa en prevención de riscos laborais dirixida ao alumnado do Obradoiro de Emprego “Queda en Mos III”, especializado en carpintería de madeira. A sesión foi impartida por Lourdes Vázquez González, Técnica de Seguridade e Saúde Laboral do ISSGA – Centro de Pontevedra, e enmárcase na campaña «Non te cortes», centrada na sensibilización preventiva no sector da madeira.

Durante a xornada abordáronse os principais riscos asociados aos traballos de carpintería e moble, así como á instalación de elementos de carpintería, incidindo especialmente na importancia da utilización correcta dos equipos de protección individual (EPIs) e na aplicación de boas prácticas para reducir a sinistralidade.

Ademais do relatorio, fíxose entrega de documentación e material divulgativo co obxectivo de facilitar a integración da prevención na rutina diaria do obradoiro. Campañas como «Non te cortes» permiten reforzar a concienciación sobre os riscos específicos da carpintería, contribuíndo a mellorar a seguridade, a saúde e a calidade do emprego. Así mesmo, o traballo conxunto cos obradoiros de emprego é clave para consolidar unha auténtica cultura preventiva entre as novas xeracións de profesionais do sector.

A directora do obradoiro puxo en valor a colaboración do ISSGA, subliñando que esta formación engade valor á especialización técnica do alumnado e contribúe á súa preparación integral para o mercado laboral.