Venres, Xuño 27, 2025
Impartimos formación de prevención de riscos laborais nun obradoiro de Val do Dubra
Bembibre, 27 de xuño de 2025. O persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), representado por Carlos Sáez Taboada, técnico superior de seguridade e saúde laboral, impartiu unha xornada sobre prevención de riscos laborais ás persoas participantes no Obradoiro de Emprego Val do Dubra, que se celebrou en Bembibre (A Coruña).
A actividade enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA e buscou sensibilizar e formar ao alumnado en ferramentas clave para asegurar a súa integridade no traballo. Durante a xornada abordáronse os riscos propios dos traballos de edificación, así como os riscos transversais comúns a diferentes sectores, promovendo unha cultura de coidado mutuo e responsabilidade compartida.
Este obradoiro, organizado polo Concello de Val do Dubra e financiado con recursos públicos, orienta a persoas en situación de desemprego cara a itinerarios formativos prácticos. O programa combina teoría e práctica en especialidades como mantemento de espazos verdes e actividades auxiliares, facilitando a inserción laboral e xerando impacto positivo na comunidade local.
A xornada destacou pola súa elevada participación e enfoque práctico: o alumnado tivo ocasión de reflexionar sobre a seguridade nas súas tarefas profesionais e identificar riscos e medidas preventivas axeitadas. Ao remate, valoraron moi positivamente a formación e comprometéronse a aplicar o aprendido para mellorar a súa seguridade e a dos seus compañeiros e compañeiras.
En conxunto, actividades coma esta reforzan o carácter inclusivo, práctico e seguro dos obradoiros de emprego, preparando ás persoas participantes para afrontar con garantías os retos do mercado laboral e contribuír ao benestar colectivo