Novas

Martes, Xuño 20, 2017

Impartimos en Xinzo de Limia un xornada formativa sobre a prevención dos trastornos musculoesqueléticos na atención a persoas dependentes

Xinzo de Limia, 19 de xuño de 2017.- Hoxe tivo lugar na Casa da cultura unha xornada formativa organizada pola Asociación Escola Rural de Saúde da Limia dirixida a persoas dependentes, os seus familiares, coidadores e auxiliares de axuda a domicilio e institucións sobre a prevención dos trastornos musculoesqueléticos na atención a persoas dependentes.

Esta acción formativa, que forma parte de varios talleres para tratar aspectos laborais e sociais para o colectivo antes indicado, foi impartida polos técnicos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) de Ourense, Héctor González Nóvoa e Juan Manuel Rodríguez Lorenzo e na que tamén participou na apertura e peche deste acto o xefe do Centro Issga de Ourense, Ángel López Álvarez.

Tal como se puxo de manifesto na xornada técnica que tivo lugar no Centro Issga de Ourense a semana pasada, hai unha estreita relación entre dependencia e idade; o paulatino envellecemento da poboación leva a necesidade de poñer máis recursos para soster o cuarto alicerce do estado de benestar. Obviamente, entre estes destacan los recursos humanos, indispensables para unha atención adecuada das persoas dependentes.

As persoas que realizan esta atención executan tarefas que requiren unhas esixencias físicas que, de non estar correctamente organizadas e canalizadas, desembocan na xeración de molestias e trastornos musculoesqueléticos.

Os procedementos de avaliación de riscos e o valor do índice MAPO serven de guía para escoller as medidas preventivas axeitadas, para priorizar as medidas de intervención, así como tamén para facilitar a recolocación dos traballadores con limitación para a mobilización de pacientes.

Ofrecer alternativas ao levantamento manual dos usuarios, en termos de axudas técnicas, formación e adecuación de espazos, é un dos obxectivos máis importantes dunha actuación ergonómica coa persoas dependentes e constitúe un dos piares en todo programa de prevención dos TME.

Dende o Issga potenciamos a formación neste ámbito, xunto con outras actuacións como son a inclusión no noso plan de actividades dun programa de prevención de riscos laborais en centros hospitalarios e en residencias de persoas maiores e con discapacidade ou a recente publicación do Plan de riscos ergonómicos do ISSGA.