Novas

Mércores, Febreiro 28, 2018

Impartimos en Outeiro de Rei unha xornada sobre o uso e manexo do tractor

Impartimos en Outeiro de Rei unha xornada sobre o uso e manexo do tractor

Outeiro de Rei (Lugo), 28 de febreiro de 2018. Esta mañá a Casa da Cultura acolleu a xornada técnica “Prevención de riscos laborais no uso e manexo do tractor nas explotacións agrogandeiras”, organizada polo concello de Outeiro de Rei e na que colabora o ISSGA.

Esta acción formativa foi impartida por Manuel Gasalla Regueiro, xefe do Centro Issga de Lugo e por Gema Bértoa Veiga e Esther Varela Cerdeira, técnicas de seguridade e saúde laboral dos Centros Issga de Lugo e A Coruña, respectivamente, que expuxeron os asistentes as principais publicación técnicas elaboradas polo Issga tanto no sector agrario como relacionadas co tractor en particular así como os principais riscos e medidas preventivas vencellados co manexo do tractor nas explotacións agrogandeiras.

Esta acción complementa a campaña de prevención de riscos no tractor presentada recentemente polo Issga, co obxectivo de alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando das causas máis recorrentes dos sinistros e achegando as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.

Cómpre lembrar a importancia da seguridade viaria, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a levar a cabo en caso de accidentes.

Con estas actuacións o Issga persegue concienciar e reducir a sinistralidade neste sector, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando accións formativas tanto propias como en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.

A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e así se recolle no seu Plan de actividades 2018, constituíndo un dos seus obxectivos recorrentes potenciar a formación en materia de prevención dos riscos laborais.