Novas

Xoves, Marzo 15, 2018

Impartimos en Cambados unha xornada sobre a prevención de riscos laborais ao sector vitivinícola

Impartimos en Cambados unha xornada sobre a prevención de riscos laborais ao sector vitivinícola
  • Presentáronse as publicacións Os Actúa do Issga coas que se pretende que os traballadores e traballadoras identifiquen de forma sinxela e visual os riscos aos que se enfrontan a diario e as medidas para evitalos

Cambados, 15 de marzo de 2018.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), desenvolveu na bodega Martín Códax unha xornada técnica na que se abordaron os riscos laborais máis significativos do sector vitivinícola, tanto nas adegas como nas viñas e na vendima.

Nesta xornada, o ISSGA presentou as publicacións denominadas Os Actúa do Issga, un documento no que, de forma sinxela e visual, os traballadores do sector poden identificar os lugares e as tarefas habituais para eles, así como os equipos e máquinas que empregan a diario co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan a diario.

Así, co obxectivo de dar a coñecer estes documentos, os técnicos do Issga expuxeron aos asistentes o seu contido. Na xornada tamén se informou das vindeiras actuacións do Issga no sector e deuse resposta ás dúbidas e cuestións relacionadas con esta materia. O que se pretende é unha diminución da sinistralidade laboral continuada e a mellora das condicións de traballo das persoas empregadas.

Esta iniciativa vai dirixida a este sector vitivinícola, que se atopa diseminado ao longo das catro provincias galegas, con 5 denominacións de orixe protexidas e os seus respectivos consellos reguladores, e que ten especial relevancia nesta zona.

O sector vitivinícola galego é un colectivo sometido a riscos por canto os seus traballadores están expostos a circunstancias de diversa índole, asociadas tanto ás formas tradicionais de produción, coma ás formas de traballo derivadas das importantes innovacións tecnolóxicas, que se teñen producido no sector, e que poden ser causa potencial de accidentes ou de enfermidades profesionais.

No documento Os Actúa do Issga_Prevención de riscos en adegas recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas.

Pola súa parte, no Actúa do Issga_Prevención de riscos en viñas inclúense os riscos máis habituais nas tarefas realizadas nas viñas, desde a preparación do terreo á recolleita da uva. Por último, o documento Actúa do Issga_Prevención de riscos na vendima está dedicado aos riscos durante os traballos da recollida da uva, o momento do proceso produtivo onde máis número de traballadores conflúen simultaneamente.

O obxectivo final desta actuación é facer facilmente accesibles e comprensibles para os traballadores este tipo de riscos e as medidas preventivas que se poden tomar.