Novas

Mércores, Marzo 29, 2023

Impartimos dúas xornadas técnicas no CFEA de Monforte de Lemos sobre o uso seguro do tractor

  • O alumnado deste centro, sobre un centenar, participa na actividade que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co título ‘A túa vida, sen voltas’
  • Trátase de formar aos profesionais do futuro no uso seguro destes vehículos

Monforte de Lemos, 29 de marzo de 2023. O ISSGA esta a impartir formación para concienciar sobre o uso seguro do tractor no CFEA de Monforte de Lemos; hoxe tivo lugar a primeira das xornadas técnicas e o venres, 31 de marzo, terá lugar a segunda. Ata este centro se trasladaron os técnicos do ISSGA para dar a coñecer as principais medidas de prevención e trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias.

A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base ao alumnado de formación profesional e futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, que xa se realizou o pasado ano e no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema “A túa vida, sen voltas”. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.