Novas

Mércores, Xuño 10, 2026

Impartimos dúas xornadas técnicas no CFEA de Monforte de Lemos

imaxe xornada uso seguro de maquinaria agrícola

Monforte de Lemos, 10 de xuño de 2026

Os días 8 e 10 de xuño, persoal técnico do Issga desprazouse ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Monforte de Lemos para impartir dúas xornadas técnicas dirixidas ao alumnado que está a realizar o Curso de Aptitude Empresarial Agraria

O obxectivo destas xornadas é concienciar sobre o uso seguro da maquinaria agrícola e moi especialmente  do tractor. Ao longo da xornada  técnicos do Issga explicaron os riscos e as  as principais medidas de prevención no uso do tractor e outra maquinaria agrícola e a necesidade de adoitar as precaucións necesarias no seu uso, así como como os derivados doutras actividades relevantes do sector.

A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base ao alumnado de formación profesional e aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade. Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

Con iniciativas como esta, o Issga reforza o seu compromiso de fomentar a cultura preventiva coa sensibilización e a formación das novas xeracións de traballadores e traballadoras, promovendo a integración da seguridade e saúde no traballo como un valor esencial para o desenvolvemento dunha actividade profesional segura e saudable.