Luns, Xullo 08, 2024
Impartimos dúas xornadas técnica en obradoiros de emprego de Barbadás e Cea
Cea, 8 de xullo de 2024. Hoxe tiveron lugar en San Cristovo de Cea dúas xornadas técnicas de prevención de riscos laborais para o alumnado do Obradoiro de emprego “Vía da Prata III” nas especialidades de Fábricas de albanelería e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
Así mesmo, o pasado martes, 2 de xullo, impartíronse outras dúas xornadas técnicas en Barbadás para o alumnado do Obradoiro de Emprego “Concellos rurais: Barbadás, Castrelo de Miño, Taboadela e Toén” das especialidades de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e Fábricas de albanelería.
Estas actividades foron impartidas polo persoal técnico do Centro Issga_Ourense.
Os obradoiros duais de emprego son ferramentas para a creación de emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que van dirixidos ás persoas traballadoras desempregadas participantes co fin de que reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.
A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia preventiva consolidada e integrada no traballo, de gran importancia para evitar que se produzan enfermidades e accidentes derivados do traballo.
Co desenvolvemento destas actividades melloramos a información, a sensibilización e a formación en prevención introducindo a aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional.