Novas

Luns, Outubro 24, 2011

III Seminario Seveso en Santiago de Compostela

O Seminario Seveso está conformado por un conxunto de actividades sen ánimo de lucro orientadas á difusión de coñecemento en materia de riscos, á difusión de desenvolvementos de estratexias integradas de xestión de riscos e emerxencias e ao establecemento de relacións entre os axentes implicados.

As actividades consisten en sesións plenarias celebradas cunha periodicidade bienal, iniciada no ano 2007, e outras actividades (conferencias, xornadas técnicas, reunións de traballo) distribuídas nese período de dous anos.

As xornadas técnicas previstas para este III Seminario Seveso, que terá lugar na sede da Fundación Empresa - Universidade Galega (FEUGA) en Santiago de Compostela durante os días 24 e 25 de outubro, están dedicadas á autoprotección e á prevención de riscos laborais, respectivamente.

Na xornada sobre a PRL, a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, presentará os obxectivos estratéxicos, liñas e accións en prevención de riscos laborais a desenvolver en Galicia, como resultado do diálogo social; a continuación, o xefe do Centro ISSGA da Coruña, Miguel Martínez Losada, explicará as metodoloxías simplificadas de avaliación do risco químico na actualidade e a súa fundamentación normativa e conceptual. Lucía Ferrón Vidán, xefe da sección de Hixiene Industrial do ISSGA expoñerá a normativa laboral sobre amianto e o control da Administración sobre estes traballos; e por último, Nieves Lorenzo Espeso, xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do Centro ISSGA da Coruña, abordará o papel do control biolóxico dos traballadores como ferramenta para avaliar o risco de exposición a axentes químicos e as novidades nos VLB.