Xoves, Outubro 03, 2024
Hoxe tivo lugar unha xuntanza da Comisión para a integración da igualdade do ISSGA
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024. A Comisión para a integración da igualdade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) reuniuse hoxe en modalidade mixta, presencial e por videoconferencia, para tratar diversos aspectos relacionados coa saúde e seguridade no traballo.
Esta comisión ten un carácter permanente e técnico, e o seu principal obxectivo é asesorar sobre aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos (PRL), así como as actuacións en sectores laborais feminizados ou a protección da maternidade no traballo.
Nesta xuntanza informouse das actuacións que se están levando a cabo dende o Issga en materia de PRL no Campus formativo en igualdade laboral, explicáronse as liñas de acción no grupo de traballo sobre integración da perspectiva de xénero en PRL da Rede Interterritorial de Seguridade e Saúde no Traballo (RISST), presentáronse as campañas informativas de saúde laboral dirixidas aos colectivos feminizados de mariscadoras e redeiras e tamén se deu conta doutras actividades programadas e relacionadas cos fins da comisión, incidindo especialmente nas actuacións nos sectores feminizados e na integración da perspectiva de xénero na PRL como unha prioridade para o Issga, así como o feito de compartir este coñecemento e accións cos interlocutores sociais, xa que está formada, ademais do persoal técnico do ISSGA e da Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, do persoal dos catro sindicatos máis representativos e da CEG.