Novas

Martes, Marzo 25, 2025

Hoxe tivo lugar unha xornada técnica sobre a saúde cardiovascular na que participaron 130 persoas

Imaxe

Santiago, 25 de marzo de  2025. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), en colaboración con FREMAP, organizou un webinar sobre a prevención das enfermidades cardiovasculares, un dos principais problemas de saúde que afecta ao persoal traballador no que participaron 130 persoas.

Durante o webinar abordáronse temas de gran relevancia para a saúde do persoal traballador. As afeccións cardiovasculares foron identificadas como unha das principais causas de accidentes non traumáticos no traballo que, segundo as últimas estatísticas, son responsables dunha porcentaxe significativa das baixas laborais, destacando a importancia de implementar estratexias preventivas efectivas no ámbito laboral.

Durante a sesión explicouse o impacto e as afectacións que as enfermidades cardiovasculares teñen sobre a saúde e como estas condicións afectan á calidade de vida das persoas traballadoras e á produtividade nas empresas.

Un dos puntos centrais do webinar foi a análise dos principais factores de risco asociados ás enfermidades cardiovasculares, como o colesterol elevado, a hipertensión, o tabaco, o sedentarismo, a obesidade e a diabetes mellitus. Estes factores, segundo os expertos, teñen un impacto directo na saúde do persoal traballador e poden levar a enfermidades graves como infartos ou accidentes cerebrovasculares. Ofrecéronse estratexias de prevención e mellora de hábitos saudables que se poden adoptar facilmente no día a día do traballo, independentemente do xénero, para reducir os riscos e mellorar o benestar xeral.

Marta Nores, coordinadora de Incapacidade Temporal e Continxencias Comúns de FREMAP Galicia, compartiu a súa ampla experiencia no ámbito da saúde laboral e  proporcionou unha visión detallada sobre como identificar os factores de risco cun enfoque práctico sobre as mellores estratexias de prevención que as empresas e as persoas traballadoras poden adoptar para combater as enfermidades cardiovasculares. As súas intervencións incluiron información sobre unha alimentación equilibrada, a práctica regular de exercicio físico, a xestión do estrés laboral e a sensibilización sobre os hábitos de vida saudables, entre outros. 


Este webinar enmárcase dentro do enfoque da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que busca mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo, e no Plan de Actuación 2025 do ISSGA, que impulsa accións concretas para promover a saúde laboral e o benestar do persoal traballador. O ISSGA, como institución responsable da mellora das condicións laborais en Galicia, continúa a traballar para ofrecer iniciativas que contribúan á mellora da saúde no traballo, a través da formación, a sensibilización e a prevención, especialmente en aspectos relacionados coas enfermidades cardiovasculares, que teñen un gran impacto na saúde e na produtividade laboral.

Para aquelas persoas que non puideron asistir ao evento en directo,  o webinar estará dispoñible para ser visualizado no canal de YouTube do instituto.