Novas

Martes, Outubro 22, 2024

Hoxe tivo lugar unha xornada técnica sobre o tecnoestrés e a desconexión dixital

Imaxe webinar

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024. O ISSGA organizou, con motivo da Semana Europea para seguridade e saúde no traballo, esta xornada técnica en formato webinar, en colaboración con Fraternidad Muprespa. 

Con esta actividade, que se atopa dentro da oferta formativa incluída no seu plan de actuación para  2024 e aliñándose cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, déronse a coñecer os riscos aos que estamos sometidos polo uso intensivo das novas tecnoloxías, as consecuencias da exposición aos devanditos riscos, as ferramentas para minimizar os efectos da hiperconexión dixital e as estratexias de afrontamento.

Internet, telefonía móbil, robots industriais, teletraballo, economía, sociedade da información... Todos estes cambios tecnolóxicos poñen de manifesto problemas técnicos, pero tamén problemas humanos e sociais obxecto de profundo debate debido ás súas consecuencias tanto para os traballadores como para as empresas e organizacións.  

Os cambios xerados polas novas tecnoloxías demandan a súa prevención para evitar riscos e efectos negativos do seu impacto nas empresas e os traballadores. Neste marco é onde cobra importancia o termo de «tecnoestrés» referido á tensión específica derivada da introdución e uso de novas tecnoloxías no traballo.

O tecnoestrés continuado pode dar lugar a un amplo abanico de consecuencias negativas, similares ás provocadas por outras formas de tensión laboral. Entre elas, atópanse alteracións da saúde dos traballadores, tanto físicas como psicolóxicas.

Polo tanto, é importante coñecer os novos riscos emerxentes derivados da sociedade da información e a comunicación, analizar os efectos que os novos modelos de traballo e comunicación poden ter sobre a saúde das persoas e formular posibles solucións fronte ás esixencias e consecuencias derivadas do uso intensivo das novas tecnoloxías.