Novas

Mércores, Abril 09, 2025

Hoxe tivo lugar unha xornada de formación interna sobre EPI respiratorios e de traballos en altura

Foto xornada Rande

Rande, 9 de abril de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia (ISSGA), levou a cabo un taller centrado nos equipos de protección individual (EPI) respiratorios e de traballo en altura, co obxectivo de mellorar e ampliar a formación sobre a selección e uso destes equipos en relación cos riscos, actividades e sectores involucrados. A xornada celebrouse no Centro ISSGA de Pontevedra en Rande, Redondela, coa colaboración de 3M Iberia.

Este taller ten unha dobre vertente. En primeiro lugar, proporcionouse información valiosa sobre como lograr unha protección respiratoria eficaz mediante o uso adecuado dos EPI. Abordouse a selección de equipos tendo en conta factores como o nivel de protección, o tempo de uso, a comodidade e os requisitos de mantemento necesarios para garantir un traballo seguro e cómodo, así como para preservar as propiedades de protección dos equipos.

Dada a ampla gama de produtos dispoñibles no mercado, que inclúe máscaras desbotables, medias máscaras, máscaras completas reutilizables e equipos de respiración motorizados, é fundamental manter unha constante actualización dos coñecementos neste ámbito.

Na segunda parte da xornada, púxose o foco nos EPI necesarios para realizar traballos en altura, salientando a importancia de protexer ao usuario e previr ou deter caídas libres. Discutíronse aspectos clave a considerar na selección e uso destes equipos, como a idoneidade dos mesmos en todas as fases do traballo, a compatibilidade dos compoñentes nun sistema e as consideracións ergonómicas máis adecuadas para cada tarefa. Ademais, subliñouse a necesidade de formación e competencia do persoal que utiliza estes equipos.

A proposta de formación interna do ISSGA está aliñada coas actuacións que se desenvolven en diversas áreas preventivas, cun enfoque interdisciplinario que responde as demandas do persoal técnico. Deste xeito, refórzase o labor fundamental do Instituto en investigación, asesoramento e asistencia técnica a organizacións sindicais, empresariais e outros axentes económicos, promovendo un mellor cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais.