Novas

Xoves, Outubro 16, 2025

Hoxe tivo lugar a reunión do grupo de traballo valores límite da CNSST para avanzar no documento LEP do 2026

imaxe reunión

Madrid, 16 de outubro do 2025

A Subdirectora Xeral Técnica e de Planificación do ISSGA, Encarna Sousa Rodríguez, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo valores límite da CNSST no que participa persoal da administración xeral, das CCAA e os axentes sociais e no que se acorda, ano tras ano, o documento Límites de Exposición Profesional para Agentes Químicos en España, unha ferramenta de traballo de gran utilidade para os especialistas en hixiene industrial e medicina do traballo.

Este documento é revisado e actualizado anualmente para a adopción dos valores límite de exposición profesional comunitarios (vinculantes e indicativos) ou polas necesidades que expoñan os cambios nos procesos de produción e a introdución de novas substancias, dos novos coñecementos técnicos e científicos, así como da evolución do marco legal no que se apliquen. Unha vez realizado este traballo polo grupo de carácter técnico, que é coordinado polo INSST e no que participan as CCAA, entre elas Galicia, o borrador é elevado á CNSST para o seu debate e acordo.

O marco estratéxico da UE sobre saúde e seguridade no traballo 2021–2027 establece a necesidade de  mellorar a prevención das enfermedades profesionales, así como anticipar e xestionar o cambio, e para isto contempla, entre as medidas propostas, a actualización de directivas e de valores límites ambientais e biolóxicos para aqueles axentes máis perigosos, como son os canceríxenos, os mutáxenos ou os reprotóxicos, así como para aquelas substancias utilizadas en tecnoloxías de enerxías renovables e na produción de baterías. Toda esta actualización normativa a nivel europeo está condicionando en gran medida os cambios que se reflicten nos documentos LEP dos últimos anos.

Desde o ISSGA queremos seguir intensificando as actuacións de prevención na exposición a substancias e axentes perigosos, con campañas e outras accións de comprobación, información e asesoramento técnico no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e dos sucesivos plans de actuación anuais do Instituto.