Novas

Venres, Marzo 27, 2015

Hoxe tivo lugar na Coruña unha xornada técnica sobre o cancro laboral

  • A nivel mundial, o 19% de todos os cancros son atribuíbles ao medio, en particular á contorna laboral, o que supón 1,3 millóns de mortes cada ano
  • As causas ambientais externas de cancro son factores do medio que aumentan o risco de cancro, como a contaminación do aire, as radiacións ultravioleta e o radon en interiores
  • Unha de cada dez mortes por cancro de pulmón está estreitamente relacionada con riscos presentes no lugar de traballo

O obxectivo desta xornada é non só visibilizar o cancro laboral senón a súa prevención, que pasa por unha abordaxe multidisciplinar dos médicos especialistas en diferentes áreas e dos hixienistas industriais.

É preciso previr e visibilizar e para iso é fundamental a investigación de calidade en seguridade e saúde laboral así como desenvolver novas ferramentas e protocolos máis específicos en saúde laboral.

Para iso contamos cos seguintes relatores:

  • Dra. Carolina Pena. Adxunta do Servizo de Oncoloxía Médica do Centro Oncolóxico de Galicia
  • Dr. Antonio Golpe Gómez. Presidente da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (SOGAPAR). Xefe da sección de Pneumoloxía na Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela do SERGAS
  • Dra. Nieves Lorenzo Espeso. Xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do Centro ISSGA da Coruña
  • Valentín Rodríguez Suárez. Servizo de Epidemioloxía Laboral e Ambiental. Dirección Xeral de Saúde Pública. Consellería de Sanidade do Principado de Asturias
  • Dr. Aitor Guisasola Yeregui. Especialista en Medicina do Traballo e responsable da Unidade de saúde laboral de OSALAN en Donosti.

Segundo a OMS, o cancro é unha das principais causas de defunción a nivel mundial: en 2008 rexistráronse 12,7 millóns de casos novos e 7,6 millóns de mortes pola súa causa. Máis do 70% das mortes por cancro prodúcense nos países de ingresos baixos e medios, e prevese que a cifra aumentará. A nivel mundial, o 19% de todos os cancros son atribuíbles ao medio, incluído a contorna laboral, o que se traduce en 1,3 millóns de defuncións anuais.

O Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC) da OMS clasificou 107 sustancias, mesturas, e situacións de exposición como carcinóxenas para o home. A lista abarca todas as formas de amianto, varios produtos achados no medio como o benceno, o arsénico na auga, o cadmio, o óxido de etileno, o benzo[a]pireno e a sílice, radiacións ionizantes como as emitidas polo radon, as radiacións ultravioleta, incluídas as cabinas de bronceado, os procesos de produción de aluminio e carbón, as fundicións de ferro e aceiro, e a industria de fabricación de caucho.

A maior parte dos riscos de exposición do cancro profesional son prevenibles. En todo o mundo hai uns 125 millóns de persoas expostas ao amianto no lugar de traballo. Segundo estimacións da OMS, máis de 107.000 persoas morren cada ano por cancro de pulmón, mesoteliomas e asbestose debidos á exposición ocupacional ao amianto.

É preciso prestar especial atención aos cancros prevenibles evitando a exposición a produtos químicos e ao fume de tabaco no lugar de traballo e no medio, así como a algúns axentes infecciosos e ás radiacións ionizantes e ultravioleta.

É necesario visibilizar esta enfermidade profesional e primeiro de nada previr as súas lamentables consecuencias. Isto pasa por incluír esta temática nas estratexias e políticas en seguridade e saúde laboral, na promoción da saúde no traballo fomentando medidas para evitar e reducir a exposición a factores de risco (como o consumo de tabaco, as dietas non saudables, sedentarismo, etc.