Novas

Luns, Marzo 11, 2024

Hoxe tiveron lugar as primeiras reunións do ano do Consello Reitor e da Comisión para a integración da igualdade do ISSGA

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024. Hoxe tivo lugar na modalidade mixta (presencial e por videoconferencia) a primeira sesión ordinaria do Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno, do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), de acordo cos artigos 17 e seguintes dos estatutos do ISSGA, aprobados polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro.

Entre os asuntos tratados cómpre destacar a aprobación do informe xeral das actuacións e xestión do ano 2023 do instituto, a información sobre datos en avance de sinistralidade laboral en Galicia de 2023, un informe da oferta formativa do Issga desenvolta en 2023 así como as primeiras actuacións de coordinación do Issga na disciplina de hixiene industrial previstas no plan de actuación 2024.

Reunión da Comisión para a integración da igualdade do ISSGA

Así mesmo, tamén en modalidade mixta reuniuse a Comisión para a integración da igualdade do ISSGA para tratar diversos aspectos relacionados coa saúde e seguridade no traballo.

Nesta xuntanza presentáronse as actuacións máis destacadas do Plan de actuación do ISSGA 2024 en relación cos fins da comisión, deuse información sobre a sinistralidade laboral en Galicia en 2023, indicáronse as accións do instituto para a integración da igualdade na PRL e na promoción da saúde no traballo e informouse da participación en grupos de traballo a nivel nacional.

Esta comisión está formada por persoal técnico do ISSGA, da Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como por persoal dos catro sindicatos máis representativos e da CEG; ten un carácter permanente e técnico, e o seu principal obxectivo é asesorar sobre aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais.